- A maior lanparty de Galicia volve este ano adaptando o seu formato, ao non ser aconsellable realizar o encontro de forma presencial debido á actual situación derivada da COVID-19
- Contará con 1080 prazas virtuais de inscrición gratuíta e un completo programa con actividades formativas e lúdicas, ademais de competicións de videoxogos e arte dixital.
- A zona aberta ao público, denominada Extranet, será este ano unha área virtual que incluirá propostas de acceso libre
A XGN R Encounter, a maior lanparty de Galicia, celebrarase online os días 10 e 11 de outubro. Non faltará así á súa cita anual coa informática e as novas tecnoloxías, aínda que adaptará o seu formato á actual situación derivada da COVID-19, que non aconsella desenvolvela de forma presencial. Así, esta edición número vinte contará con 1080 prazas virtuais para aqueles que queiran participar na party, para os cales a organización creou un evento no que poderán inscribirse de forma gratuíta. O día 22 de setembro abriranse as preinscricións na web www.xgnrencounter.gal, mentres que o día 25 de setembro realizaranse as reservas definitivas.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA puxo xa en marcha a organización desta edición tan especial, que é a cuarta con R como colaboradora e patrocinadora oficial. O seu obxectivo é que esta proposta a través de internet siga sendo un punto de encontro para afeccionados e profesionais e que esta experiencia virtual sume no camiño da XGN R Encounter para converterse na segunda lanparty de España.
Unha meta na que é determinante a súa vinculación coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose no País Vasco dende hai máis de 25 anos e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.
Un completo programa
Esta edición contará cun amplo programa de actividades para os inscritos, do mesmo xeito que nas pasadas citas na chamada Intranet, o cal incluirá durante os dous días actividades formativas e lúdicas, ademais de competicións de videoxogos e arte dixital. Todas elas serán realizadas a través de internet. Ademais, a denominada Extranet, que é a zona da party aberta ao público, converterase tamén nunha área virtual con multitude de propostas.
Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través da plataforma Twitch.