Máis de 30 actividades lúdicas e formativas formarán parte da 20ª edición da XGN R Encounter

  • A maior lanparty de Galicia, que este ano apostou polo formato online ante a situación derivada da COVID-19, contará con 1080 prazas virtuais de inscrición gratuíta
  • No completo programa con actividades formativas e lúdicas, os participantes terán a posibilidade de tomar parte, dende as súas casas, en nove competicións de arte dixital, catro de hardware, dous de software libre e 15 torneos de xogos. Ademais, poderán acceder a charlas formativas, centradas este ano na intelixencia artificial e a programación
  • Empezan a coñecerse os nomes que estarán presentes no programa de televisión que será retransmitido por streaming e que servirá de fío condutor ao evento. Rostros coñecidos como os protagonistas de “La Resistencia” Grison e Jaime Caravaca, xunto a coñecidos streamers, serán entrevistados durante o programa

Silleda, 6 de outubro de 2020.- A XGN R Encounter, que se celebrará online os días 10 e 11 de outubro, xa vai definindo os seus contidos. A maior lanparty galega albergará no seu programa máis de 30 actividades lúdicas e formativas, incluíndo competicións de arte dixital, hardware, software libre e torneos de videoxogos. Ademais, as charlas formativas estarán centradas na intelixencia artificial e a programación. E por se fixesen falta aínda máis atractivos, o programa de televisión que será retransmitido por streaming de forma gratuíta e que servirá de fío condutor ao evento comeza xa a desvelar a identidade dos seus invitados; rostros coñecidos como os protagonistas de “La Resistencia” Grison e Jaime Caravaca, xunto a coñecidos streamers, serán entrevistados durante o programa.

Desta forma, a XGN R Encounter está xa ultimando os detalles para presentar en breve o seu programa de actividades. Nesta edición número vinte habilitáronse 1080 prazas virtuais, dispoñibles de forma gratuíta a través da web www.xgnrencounter.gal, para aqueles que queiran participar na party.

Programa de televisión

Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través da plataforma “Twitch”. A través desta canle fomentarase a interacción cos participantes, que ademais recibirán información de interese sobre o propio evento. Xunto a entrevistas e actividades formativas, haberá tamén tempo para as actuacións musicais e o humor.

A Feira Internacional de Galicia ABANCA atópase actualmente a pleno rendemento para culminar a organización desta edición, a cuarta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que proporciona ademais a conectividade ao evento, e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 688 92 90 88
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532
 

twitter facebook