Silleda, 10 de outubro de 2020.- A vixésima edición da XGN R Encounter, que este ano se celebra en formato online ante a situación derivada da COVID-19, foi inaugurada oficialmente esta mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde se encontra o centro de operacións da party e o seu set de televisión.
O seu acto inauguran contou coa presenza institucional do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a Conselleira de Política Social, Fabiola García; o deputado da Deputación Provincial de Pontevedra, Carlos López Font; e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, os cales felicitaron aos organizadores porque esta cita coa informática e as novas tecnoloxías se mantivo nun ano marcado pola loita contra a COVID-19. Así mesmo, as autoridades presentes, que tamén estiveron acompañadas polo Director Corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, coincidiron en recoñecer o papel fundamental que tiveron as novas tecnoloxías durante a pandemia, destacando como as redes sociais e as ferramentas informáticas se revelaron como elementos claves para manter as relacións persoais e a actividade económica durante a pandemia.
Así, no acto de inauguración, a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, felicitou a organizadores, patrocinadores e participantes por poñer en marcha a XGN R Encounter a pesar das dificultades e destacou que a tecnoloxía forma xa parte das nosas relacións "persoais e laborais". Ferramentas que, destacou, fixeron posible a celebración desta edición online. Con todo, expresou o seu desexo de que en próximas edicións o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA volva contar coa presenza dos centos de mozos que habitualmente protagonizan o evento.
Pola súa banda, o deputado da Deputación Provincial de Pontevedra, Carlos López Font, mostrou a súa satisfacción pola celebración do evento tecnolóxico, e destacou que as institucións deben seguir apoiando esta cita anual, “cada un na medida que lle corresponda”. Ademais, quixo dirixir unhas palabras aos centos de participantes para desexarlles que poidan desfrutar de moitas horas de xogos e formación.
Tamén tomou parte no acto de apertura o Director Corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, quen se felicitou pola continuidade do evento e afirmou que encaixa perfectamente coa filosofía de R, xa que "a innovación, a creatividade e o emprendemento forman parte do noso ADN".
Ademais, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, destacou que durante a pandemia as novas tecnoloxías confirmáronse como claves fundamentais para conectar a amigos e familiares e para poder traballar a distancia.
Dous días de actividades
Desta forma, a maior lanparty de Galicia púxose en marcha con máis de 50 actividades lúdicas e formativas, moitas das cales poderán seguirse a través dun maratoniano programa que se emitirá hoxe e mañá en www.twitch.tv/euskalencounter. Así, xa están en marcha todas as competicións e os participantes poden seguir diversos talleres e conferencias, destacando hoxe as centradas na intelixencia artificial. En canto ao programa que serve de fío condutor a esta cita, hoxe inclúe entrevistas de enorme interese, como a que se realizará ao ex xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, que narrará a súa experiencia como vítima de bulling, ou a que terá como protagonista a José Antonio Pérez, guionista de “Mi Mesa Cojea” e “Orbita Laika”. O humor tamén terá un lugar moi destacado coa actuación dos televisivos Grison Beatbox e Jaime Caravaca.
En canto aos participantes, á primeira hora da mañá inscribíranse xa máis de 650 persoas, e durante as próximas horas espérase que esta cifra siga medrando ata achegarse ao límite máximo de prazas virtuais, que é de 1080 postos, os mesmos que houbo na última edición presencial.
O evento conta coa colaboración e patrocinio oficial de R por cuarto ano consecutivo, que tamén proporciona a conectividade, e novamente co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.